Daremos a benvida ao ano levando a cabo o programa “Un Monte de Vida” no Centro de Menores de Monteledo

 
Dende Sustinea queremos darlle a benvida ao ano novo do mellor xeito que o sabemos facer, que é traballando en prol da sostibilidade, por esta razón os vindeiros 3 e 4 de xaneiro, estaremos no Centro de Menores de Monteledo levando a cabo o programa de Educación Ambiental “Un Monte de Vida” financiado polo Voz Natura.
 
Este programa consistirá nun achegamento por parte dos mozos e mozas participantes, aos diferentes aproveitamentos sostibles e a restauración ambiental que se lle poden dar aos nosos montes.
 
A nosa actuación consistirá na construción dun pequeno xardín micolóxico no Centro, coñecendo o apaixonante mundo dos fungos, as súas necesidades nutricionais e a súa ecoloxía que nos servirá para realizar o seu cultivo. Tamén realizaremos a micorrización de sementes de árbores autóctonas para a sua plantación nos montes de arredores do Centro, onde tamén levaremos a cabo un método alternativo de reforestación moito máis eficiente que os convencionais,  que é o Nendo dango. Por último, e de xeito creativo e con materiais de refugallo, faremos un obradoiro de construción de hábitats para a fauna con caixas niño e comedeiros que serán colocadas polo Centro.
 
Como vedes un bo plan para comezar o ano 2013!

xoves, 3 Xaneiro, 2013 - 09:30 to venres, 4 Xaneiro, 2013 - 14:00