
Baixo esta premisa Sustinea pide a colaboración de toda a cidadanía ourensá, para colaborar en “Un rural para todos”, nome do proxecto ecosocial, cuxo obxectivo ten a recuperación de terreos en desuso e abandonados na cidade de Ourense, para a posterior creación de hortas ecolóxicas urbanas. As/os destinatarios deste proxecto, son persoas que se atopan en risco de exclusión social, que non teñen recursos, traballo ou en xeral, aquelas persoas que se sintan motivadas por comezar un cambio na sociedade ourensá e no noso modelo de produción agrícola.
O que Sustinea busca son terreos en desuso na cidade de Ourense e arredores para cultivar en ecolóxico, con propietarios que os cedan a cambio do coidado dos terreos e dunha posible parte da colleita, ou dun pequeno aluguer que do que a nosa entidade poda facerse cargo, co obxectivo común de promover unha agricultura ecolóxica en espazos en desuso ou abandonados e impulsar a cultura colaborativa na cidade de Ourense.
A cesión dos terreos debe ser como mínimo bianual, e pode ir renovándose anualmente en función do acordo entre propietario e agricultor. Haberá un documento de cesión temporal onde se garantice que os terreos nunca cambiarán de propiedade. A persoa que cultiva os terreos faise cargo de tódolos gastos, desde a instalación ás ferramentas. A colleita pode compartirse previo acordo que cheguen entre ámbalas dúas partes. A única condición é que o cultivo sexa ecolóxico e que o terreo estea coidado.
Cada vez hai máis terreos en desuso, onde os propietarios non se poden facer cargo do seu obrigado mantemento, polo que é unha boa ferramenta para aforrar custes de desbroces, mantemento de muros, e unha boa conservación da paisaxe e o territorio.
Por iso animamos a todas as persoas con terreos que non usen a cedelos por unha boa causa.
Para máis información 988 782 964 ou info@sustinea.org
Engadir un novo comentario