A experiencia SVE de Lara en Rumanía

Boas chamome Lara Cortizas, son de Ourense e teño 26 anos.
Contovos a miña experiencia do SVE con Sustinea coma a miña entidade de envío e Asociata Education Studio en Cluj-Napoca, Rumanía coma a miña entidade de acollida, para que vos motivedes e poidades vivir coma min esta experiencia.
 
Foi cara a finais do 2015 que comecei a pensar en embarcarme nunha experiencia como a que agora estou a vivir, pois andaba na procura dun cambio, aínda que non tivera dalquelas moi claro como darlle foma.
 
Foi así que, coma por causalidade, din cunha charla sobre o Servizo de Voluntariado Europeo que daban tres voluntarias estranxeiras de Sustinea, a Asociación de Desenvolvemento Sostible de Ourense (sustinea.org ou Facebook.com/sustinea) que máis tarde tería a ben ser a miña Organización de Envío.
 
Movíame nun principio o feito de levar o compromiso de ser voluntaria un pasiño máis alá, nun entorno diferente, e nun proxecto no que puidera implicarme máis profundamente. Comezou a busca de Organizacións de Acollida en moitos e moi diferentes destinos, e con ela o (traballoso) proceso de enviar solicitudes a todas aquelas que me pareceran atractivas. Pero merece moito a pena este esforzo!
 
De entre as organizacións nas que fun aceptada, decidinme finalmente por unha en Cluj-Napoca, Rumanía, ca que me atopo dende outubro vivindo unha experiencia moito máis significativa do que imaxinei ao principio. Ademais de estar envolta nun proxecto que me motiva moito e me permite desenvolver iniciativas persoais, estou descubrindo no camiño a moitas persoas inspiradoras, outra cultura, lugares incribles, e estou mellorando algúns idiomas mentres aprendo outros novos.
 
Aínda non coñezo cal será o impacto persoal de toda esta andanza que vos estou contando, pero sei que está ter importancia no meu desenvolvemento persoal e está dándolle unha volta máis ao meu xeito de ver o mundo. 
 
Así que non vos digo nada máis que animádevos, é unha experiencia única para desfrutar.
 
Podedes falar con Sustinea que eles vos axudarán encantados/as coma fixeron comigo.
 
Telf 988 782 964 ou mobility@sustinea.org

Engadir un novo comentario

Deixa os teus comentarios
CAPTCHA
Esta cuestión é para probar se vostede é un visitante humano e para previr envío automático de spam. Por seguridade, o sistema é sensible ás maiúsculas e minúsculas.
Image CAPTCHA
Enter the characters shown in the image.