
Esta Semana Santa tivemos o pracer de compartir inquedanzas con mocidade de Romanía, España e Marrocos a través do Intercambio Xuvenil Internacional “Movilízate”.
Este proxecto tivo como principal obxectivo xerar un espazo para o intercambio de experiencias e fomentar o pensamento crítico, traballando en diferentes campañas e proxectos que promoven solucións prácticas e participativas en problemas medioambientais e sociais, contribuíndo ao progreso cara unha sociedade máis sostible e solidaria.
Dende o comezo, o espírito mobilizador e activo foi compartido e visible nas distintas actividades por todxs xs participantes:
Por unha banda, Sustinea deseñou, organizou e dirixiu aquelas actividades máis enfocadas no terreo ambiental, co fin de promover a conservación da biodiversidade, dos ecosistemas e dos hábitats, inculcar a importancia ambiental e social de manter o noso entorno limpo e o fomento dun estilo de vida máis sustentable, a través do desenvolvemento dun espírito crítico e de traballo en equipo para a consecución de todos os obxectivos comentados. Entre as actividades desta categoría podemos sinalar o roteiro interpretado pola Ribeira Sacra e a recollida de lixo polas beiras do Río Miño.
Por outra banda, consideramos de grande importancia incluír no deseño do noso programa a colaboración con outras actividades sociais e animalistas para promover a integración social e o respecto polos animais. Así pois, con Afundación e ADO (Asociación de Persoas con Discapacidade en Ourense) realizamos un obradoiro de risoterapia dirixido por Agustín Pérez Meiriño; con Down Ourense, aprendemos algún que outro punto de baile tradicional da man da Escola Provincial de Danza Xaquín Lorenzo; con Patrulla Callejera-Colonias de Gatos de Ourense fomentamos a creatividade dxs nosxs participantes para transformar produtos de refugallo en enriquecemento ambiental para os gatiños sen fogar; e con PROGAPE, desfrutamos dun paseo solidario con algúns dos veludos que máis cariño precisan. Non foi difícil, polo tanto, promover valores que xiran arredor do eixo da empatía, tales como a solidariedade, a tolerancia, o traballo en equipo, a aprendizaxe a través dos maiores, a visión igualitaria daquelxs que nun primeiro momento nos parecen diferentes... así como as diferentes vías de colaboración coas protectoras da cidade e as adopcións responsables.
Sen esquecernos do tempo de lecer, tan preciso para fomentar a cohesión do grupo. E qué mellor que as augas termais das Burgas e de Outariz, ou unha boa foliada no Café Cultural-El Pueblo, no contexto dunha tarde-noite intercultural na que cada país amosou un anaquiño da súa cultura.
Así pois, só queda dar as grazas xs participantes e ás asociacións colaboradoras por facer destes días un espazo de aprendizaxe e de ledicia!
Para todxs aquelxs que queirades participar nas seguintes mobilidades, xa sabedes, enviádenos un correo a mobility@sustinea.org.
Agardámosvos!
Engadir un novo comentario