A mimosa segue sendo invasora

A Acacia dealbata é unha especie invasora ainda que nestas datas nos queira namorar coa sua flor e aroma.
 
Lugar de proveniencia: Sueste de Australia e Tasmania.
 
Propagación: Rexenérase facilmente a partir de sementes e tamén por reabrollamento tras corta ou incendio. As sementes son resistentes e forman un banco que pode permanecer no solo durante un longo período de tempo, e xermolar tras un incendio ou unha perturbación.
 
Comportamento e problemática: Especie moi estendida con gran capacidade de invasión en diferentes lugares do mundo; ocupa amplas zonas, creando un horizonte monoespecífico. Ten un alto potencial alelopático que dificulta a xermolación doutras especies. Ademais, parece clara a súa vocación pirófita, xa que o incendio favorece a xerminación das sementes e o reabrollamento. É unha invasora contrastada en diferentes lugares do mundo. Na península Ibérica aparece principalmente en Galicia e no norte de Portugal.
 
Introdución: Uso ornamental e, en menor medida, para explotación forestal. Tamén se utilizou para fi xar noiros ou como especie melífera. Aínda que probablemente se introduciu moito antes, as primeiras citas da especie naturalizada en Galicia son de 1945. Hábitats en que aparece: Tanto en comunidades alteradas de cunetas e solos espidos como en hábitats forestais e preforestais. Pode desenvolverse sobre solos pouco profundos e tolera un certo grao de humidade edáfica.
 
Control mecánico: O control mecánico non é unha alternativa moi eficaz para a erradicación desta especie. Para eliminar poboacións constituídas por individuos xuvenís, tradicionalmente recoméndanse actuacións con tractores, como a rozadura por cadeas ou o arranque de individuos. Porén, o uso de maquinaria pesada provoca unha evidente perturbación no medio, e o seu uso deberíase restrinxir a zonas xa alteradas. Por outra parte, recentes estudos levados a cabo en Portugal para avaliar estas técnicas indican que o seu éxito é moi relativo, pois ata nun 50% dos casos prodúcese o reabrollamento dos individuos, algo que, ademais, pode ocorrer transcorrido un longo período de tempo. Esa capacidade de reabrollamento non vai ser sempre a mesma, xa que depende do nivel de tensión ao que estea sometida a poboación e das especies de plantas por que se atope rodeada. Para evitar isto, recoméndase deixar algúns individuos na zona, o que vai inhibir o reabrollamento das árbores veciñas. Ademais, observouse que, tras eliminar mecanicamente poboacións de acacia, se produce un forte proceso de xermolación do banco de sementes. Isto, por unha banda, mingua o devandito banco, pero, por outra parte, obriga a un seguimento exhaustivo da zona para evitar a repoboación.
 
Control químico: Existen moitas posibilidades de levar a cabo este control, e que van depender do tamaño da árbore. Contra individuos de troncos de ata 15 cm débese pulverizar a base da planta ata os 30 cm, podendo chegar a unha altura superior en árbores de maior tamaño. Outra posibilidade é cortar o tronco e aplicar o máis axiña posible (15 segundos) herbicidas contra o reabrollamento de tocos. Por último, nalgúns casos pódese tratar de lle aplicar herbicidas ao solo nas proximidades do tronco. Para eliminar plántulas e chupóns, resultaron efectivos tratamentos de triclopir ou clopiralida. Para unha maior eficacia, débese aplicar un tratamento foliar durante o período de maior crecemento da planta.

Engadir un novo comentario

Deixa os teus comentarios
CAPTCHA
Esta cuestión é para probar se vostede é un visitante humano e para previr envío automático de spam. Por seguridade, o sistema é sensible ás maiúsculas e minúsculas.
Image CAPTCHA
Enter the characters shown in the image.