
A semana pasada colaboramos na Semana do Medio Ambiente, promovida polo Concello de Ourense, organizando diversas actividades para desfrutar en familia.
Comezamos coa actividade "Ecoxincana de orientación", na que as familias ourensás, partindo do parque Barbaña, aprenderon a empregar un compás e un mapa para poder axudar a tres exploradoras perdidas pola cidade, pasando diferentes probas e chegando a atopar o ouro dos romanos, custiodado por Calpurnia Abana Aeboso.
Continuamos co concurso "Engalana a túa árbore", no que as participantes empregaron materiais non perxudiciais para dar aínda maior visibilidade á beleza intrínseca das árbores da rúa do Paseo.
Para disfrutar o fin de semana, un equipo de "Familias exploradoras no tempo" axudaron a Calpurnia a recuperar o ouro dos romanos que Bule Bule, un trasno pillabán, roubou facendo que desapareceran do presente a Ponte Romana, As Burgas, o Muíño da Veiga... TODO. Retrocedendo ao pasado para evitar o roubo, as exploradoras tiveron que desenmeigar a Laura, a ninfa do río, a Inma, gardiana do Tinteiro, e a Joao, o xigante do Muíño da Veiga. Pócemas, xeroglíficos, mensaxes encriptadas... Unha aventura en familia dende a Ponte Romana até as termas de Outariz.
Lembramos, tamén, a importancia do xogo para cativxs e maiores coa actividade "Aprende a xogar en familia", na que Blue e Pink, dúas fadas moi activas, fixeron que o Xardín do Posío se mobilizara para salvar os animais do monte. Descuberta, obradoiro de reutilización de materiais de refugallo e.... moita diversión.
Coa "Escola das Capitanas Planeta" as cativas e os cativos do parque do Ingabad, no Couto, recibiron as leccións máis importantes sobre cómo protexer o medio ambiente. Gotérrima, a mestra do aforro de enerxía; DesértiK, a mestra da protección da biodiversidade; o Viaxeiro 0, o mestre do consumo responsable; e Lixena, a mestra da separación de residuos, baixo a dirección de Gaia, a responsable da escola, forman o equipo docente desta academia de valentes.
Para rematar a semana, desprazámonos ao parque da Ponte Romana, á beira do Río Miño, para contar a historia de Xuri, un corzo que perde a súa familia no seo dun incendio. Coa axuda de Miracina a píntega, o señor Teixugo, o peto Punki, Ouricín e don Horacio, chegarán a unha posible solución para que o lume non volva queimar. "Ti contas"
Engadir un novo comentario