
Comezamos o mes de abril coa nosa actividade "Un café con..." este mes coa compaña de Don Rafael Manzano, unha das persoas máis habituais e coñecidas do casco antigo de Ourense. Nesta ocasión, falaranos da experiencia da súa vida, de como chegar a telo todo e por circunstancias da vida perdelo. Tamén nos falará das súas motivacións, dos seus pensamentos e de como nunca deixar de loitar por acadar a tan preciada felicidade.
Para que o coñezades un pouco máis, Rafael leva uns anos en Ourense e loita pola pintura expoñendo nos mesmos bares nos que vende chisqueiros, canicas e panos. Acostuma acender cigarros e regalar interesantes conversas ás persoas que por alí pasan e coas que fai as súas ventas. E nos mesmos bares nos que exerce o oficio ambulante, proba fortuna colgando os seus óleos. "Rafa" para esas charlas con descoñecidos, pero Rafael Manzano para a pintura. "Son un pobre excepcional, deféndome como gato bandullo arriba", di de si mesmo.
En 2004, era a elite de Andorra a que admiraba a súa pintura na sala de exposicións da Embaixada española, onde traballou durante anos. Moito antes, nos 80, formou parte dos inicios de Artello, o grupo de teatro do que máis tarde saíron Morris, Ernesto Chao ou Alfonso Agra. "Aquilo foi en Vigo. Traballaba nun banco e non podía compaxinalo. Tiven que tomar unha decisión. Quedei no banco e equivoqueime. Non me arrepinto porque sementei a miña semente", di Manzano. Tamén corría no Celta de atletismo na súa mocidade, pero aos 65 prefire a calma de Auria, onde chegou tras percorrer 26 países. "Traballei de todo na miña vida, desde que empecei aos 18 anos nun banco", conta.
Engadir un novo comentario