
Dende Sustinea e o Concello de Muíños, estamos organizando o Campo de Traballo Ambiental de recuperación etnográfica e ambiental da Aldea de Salgueiro do 21 ao 30 de agosto coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, Xunta de Galicia, cunha serie de traballos encamiñados á conservación e difusión da aldea e do propio parque natural.
Pretendemos que este campo de traballo conforme un exemplo práctico e vivencial da recuperación da Aldea de Salgueiro, da difusión dos valores ambientais do parque natural, e da conservación das especies do mesmo como parte do Desenvolvemento Sustentable da Reserva da Biosfera Xurés- Gerês.
A Aldea de Salgueiro é unha antiga aldea de montaña habitada ata hai 50 anos por gandeiros e carboeiros. Na actualidade exponse a súa recuperación como un recurso etnográfico para difundir os valores naturais e culturais do Parque Natural Baixa Limia -Serra do Xurés e da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Xurés- Gerês.
Durante 10 días na aldea prepararemos as antigas eiras onde se traballaba co centeo. Acondicionaremos o antigo forno e muíño colmando os tellados con palla de centeo, e recuperaremos os camiños que acceden a eles. Protexeremos as estruturas de madeira empregando aceites naturais. Abriremos un itinerario guiado para visitantes durante a duración do campo de traballo explicando a antiga vida na aldea e os seus recursos. Deseñaremosactividades de difusión e interpretación dos valores ambientais do Parque Natural adaptadas a colectivos de diversidade funcional. Recuperaremos a memoria etnográfica da aldea. Faremos traballos de conservación de fauna do entorno. Estudo e sondaxes de fauna. Recuperaremos zonas queimadas, entre outras moitas máis actividades que faremos e das que desfrutaremos durante todo o Campo de Traballo.
Dende Sustinea, animámosvos a participar nesta actividade de conservación dos espazos naturais que son o soporte da vida silvestre. Este Campo de Traballo Ambiental, bríndanos a oportunidade de fomentar a participación activa da sociedade no coidado e conservación destes refuxios de biodiversidade, permitindo gozar de espazos naturais privilexiados traballando ademais pola súa conservación e mellora.
Para máis información podedes ver a seguinte documentación:
Inglés:
solicitar documento en info@sustinea.org
Se estades interesados/as podedes poñervos en contacto con nós:
+34 988 782 964
info@sustinea.org
Ou directamente coa Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia:
+34 981 544 838
+34 981 957 115
Engadir un novo comentario