Comezamos a Campaña de Verán

Hoxe damos comezo coa Campaña de Verán 2014, chea de actividades e persoas procedentes de todo o mundo. Con ilusión, motivación, ideas, máxia, o equipo educativo de Sustinea xa estamos preparadas/os para facer dos Campamentos Ambientais, Campos de Traballo e Intercambios Xuvenís deste verán, unha experiencia inesquecible, no máis amplo sentido da palabra.
 
O noso compromiso educativo progresa este ano cun programa de Campamento Ambiental actualizado en función da realidade do noso Planeta.
 
O noso lema e a nosa actitude durante os Campamentos Ambientais "Ven a explorar con nós" 2014, será a dos/as Xusticieri@s Ambientais”.
 
Gozando todo o posible, xogando, descubrindo, tocando, experimentando, mirando, escoitando... o noso programa pretende que a través das experiencias máis agradables @s participantes poidan chegar a amar máis a Natureza da que formamos parte e consecuentemente converterse nos seus mellores defensores/as.
 
Para iso cada día trataremos un gran tema ambiental dos que supoñen a esencia de Sustinea.
 
Como fío condutor desta aventura teremos ao noso amigo o Lobo, que este ano aparecerá nos momentos máis insospeitados do día. Cada día teremos que descubrir e salvar de perigos, pasar diversas probas e aventuras, para conseguir chegar xunto o noso amigo o Lobo, que nos premiará cada noite, entregándonos unha peza chave, que deberán conquerir ata completar a caixa Gaia, símbolo dos/as nosos/as “Xusticieri@s Ambientais”.
Estas convivencias, serán moi enriquecedoras pois participaran rapaces e rapazas de diferentes Concello de toda Galicia, dispostos/as a desfrutar dunhas vacacións inesquecibles dende xullo ata agosto. Ademais, levaremos a cabo o Campo de Traballo Internacional da Aldea de Salgueiro, dende o 15 ao 24 de xullo, no que participarán 20 persoas provintes de Rusia, Francia, Corea do Sur, República Checa, e de diferentes puntos de España

Pretendemos que este Campo de Traballo Ambiental, conforme un exemplo práctico e vivencial da recuperación da Aldea de Salgueiro, que é parte integrante do Desenvolvemento Sustentable da Reserva da Biosfera Xurés- Gerês. Ademais, de sensibilizar e infundir nos/as participantes o sentido de responsabilidade ambiental, motivando actitudes de respeto e de conservación cara os diferentes elementos existentes no entorno natural e cultural.
 
E se isto vos parece pouco, dende o día 18 ao 25 de agosto, estaremos desenvolvendo o Intercambio Xuvenil Active Youth for Sustainable Rural Development, na Reserva da Biosfera do Xurés con 50 persoas de Portugal, Grecia e España, que viven o teñen inquietudes no ámbito do Desenvolvemento Rural. Durante estes días traballaremos temas coma o Turismo e o emprendemento Sostible, A sociedade no Desenvolvemento Rural Sostible e os Recursos Naturais no Desenvolvemento Rural.
 
Así que xa vedes...un verán do máis intercultural!!