Educación Ambiental como batelumes. La Voz de Galicia 1mes 1compromiso

A nosa paisaxe non é pura natureza. Tanto como natureza é cultura. Unha cultura que non agroma da convivencia do home coa sociedade, senón da convivencia do home coa natureza (...). A nosa paisaxe é natureza humanizada, natureza feita cultura”

Todas aquelas persoas que tiveron a oportunidade de vivir dalgunha maneira en contacto co medio viron nas últimas décadas unha transformación profunda da paisaxe do que fora un modelo de aproveitamento humanizado e sostible do territorio, a creación dun “agrosistema” que non é so natureza senon cultura e sabeduría herdada a cada xeración.

A migración da poboación cara as cidades e o abandono do rural mudou o xeito de relacionarse coa natureza cara un modelo agrícola industrializado pouco sostible e abusivo dos recursos. Para comprender as novas conexións existentes entre os sistemas naturais e a sociedade, así como a importancia dos factores socioculturais na xénese dos problemas ambientais da sociedade galega xorde a necesidade da Educación Ambiental.

A Educación Ambiental debe ser entendida como unha aprendizaxe permanente e transversal tanto no ámbito educativo reglado como aquel do ámbito non formal. Accións illadas, sen continuidade e non acompañadas pola comunidade educativa, polas familias e pola sociedade quedan como algo anecdótico con pouco calado; non podemos agardar que dunha “charla” puntual sobre incendios forestais nun centro educativo ou dunha conferencia saia a solución absoluta á desfeita na xestión do monte que temos na actualidade. Non obstante, afirmar que o coñecemento outorga o poder é algo sabido por todas. Mostrar alternativas e ter opción de escoller entre elas a que máis conveña sémpre é positivo; se hai varias opcións xogamos algunha carta a que algunhas persoas dirixan os seus pasos cara a “opción boa”, a que permite a sostibilidade do territorio. Se só coñecemos o modelo de obter beneficio económico- e nin tanto-, por exemplo do monocultivo de eucaliptos, será complicado escoller e visualizar outro tipo de beneficio diferente dos cartos -beneficio ambiental e social- como sería por exemplo un monte biodiverso composto por bosque de frondosas e/ou mixtos, terras adicadas a pastos, aproveitamentos forestais sostibles compatibles coa produción madeireira como a produción de mel, froitos secos (castaña, noz e avelá), recollida de cogumelos ou de froitos silvestres. Sen esquecer tamén, o importante papel que xogan as especies forestais de crecemento lento como mitigadoras do cambio climático funcionando como sumidoiros de dióxido de carbono. Os bosques ademais cumplen unha función social como espazo de lecer e aprendizaxe.

Razóns para crer que a Educación Ambiental significaría evitar incendios forestais

1. Educación ambiental entendida como base do coñecemento. É necesario coñecer para por en valor os recursos naturais dos que dispomos e que ademais nos fan inmensamente ricos a todos os niveis: económico, ambiental e social. Se descoñecemos os recursos naturais e as súas potencialidades non seremos quen de podelos valorar, saber a importancia que teñen; logo a súa conservación carecerá de interese. Para alguén “ambientalmente ignorante” é difícil ver o beneficio dun bosque biodiverso fronte a un eucaliptal no que se desenvolve un ecosistema infinitamente pobre.

2. Educar ambientalmente para mostrar os posibles aproveitamentos forestais sostibles que ofrezan opcións para iniciarse nunha actividade económica e, grazas a isto manter a poboación no rural. Se damos a coñecer as potencialidades e os recursos dos que dispomos, estamos amosando á persoa as posibilidades que lle ofrece o seu territorio para poder vivir del e nel dun xeito coherente e responsable. Un terreo vivo que está producindo e do que se obtén un beneficio, ambiental e económico, ten un valor engadido e as veciñas procurarán protexelo e defendelo. Hoxe o negocio é outro.

Na provincia de Ourense atopamos experiencias que son exemplo de boas prácticas na xestión do monte, como por exemplo a recuperación de soutos para o aproveitamento da castaña que se levou a cabo grazas á cesión de terreos da comunidade de montes de Puxedo e a Asociación xuvenil Xuvemprende na zona do Xurés; Pan Do Demo, unha pequena empresa artesá que se adica ao cultivo e recolecta de cogumelos; Beecky's con produción apícola ou a explotación gandeira de cachena na parroquia de Meire, Allariz.

3. As persoas que reciben Educación Ambiental, ben sexa reglada ou non, funcionan como vectores de información entre os receptores da mesma e todas as persoas en contacto con elas: familia, amizades, veciñas,.... É a oportunidade de “meternos” nas casas e círculos achegados para informar dunha maneira indirecta de prácticas sostibles co medio.

4. Ferramenta política. Ter información ofrécenos a posibilidade de opinar. Se estamos informadas ,“educadas ambientalmente”, temos a oportunidade de esixir políticas que favorezan unha boa xestión do monte e non favorezan ao lobby forestal.

En Sustinea cremos na Educación Ambiental como ferramenta para o cambio por eso creamos o programa de sensibilización ambiental para escolares sobre incendios forestais Ti Contas que ofrece ferramentas para traballar as causas dos incendios forestais, implicar a toda a comunidade e entendernos como parte da solución. Baixo este nome pomos de manifesto a importancia que temos cada unha de nós na conservación da natureza, así como o importante e necesario de que nos conten dende diferentes puntos de vista as problemáticas ambientais actuais. A conservación do monte é responsabilidade de todas.

Sustinea

Somos unha asociación medioambiental que traballamos en prol ao Desenvolvemento Sostible. Facémolo mediante proxectos de Desenvolvemento Rural, programas de Educación Ambiental e estudando o noso medio para buscar solucións ás súas problemáticas.

Ao longo do ano levamos a cabo diversas actividades, dende voluntariado ambiental, campos de traballo, campañas de sensibilización, actividades en familias, roteiros temáticos, campamentos ambientais, intercambios xuvenís europeos, estudos de fauna e flora, Servizo de Voluntariado Europeo, entre outros proxectos que podes coñecer mellor na nosa web e no noso Facebook.

Colabora connosco e Sustenízate!

info@sustinea.org

Telf.: 988782964

Facebook/twiter

www.sustinea.org

Engadir un novo comentario

Deixa os teus comentarios
CAPTCHA
Esta cuestión é para probar se vostede é un visitante humano e para previr envío automático de spam. Por seguridade, o sistema é sensible ás maiúsculas e minúsculas.
Image CAPTCHA
Enter the characters shown in the image.