
Como cada mes, lanzamos a campaña “1 mes 1 compromiso” na que adicamos o mes de febreiro aos Humidais.
O lema elexido para o Día Mundial dos Humidais 2016 é: Humidais para o noso futuro: Medios de vida sustentables. Elixiuse este tema para demostrar o papel esencial que desenvolven os humidais para o noso futuro e particularmente a súa relevancia para o logro dos novos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.
Este ano cúmprese o 58 aniversario do grave dano ecolóxico que sufriu a comarca da Limia e en xeral toda a nosa terra. A tan importante lagoa de Antela, desaparecía nos traballos de desecación iniciados o luns 8 de setembro de 1958. A paisaxe antelá sufría un cambio total, que incluía a perda da flora, fauna e do patrimonio arqueolóxico.
A lagoa de Antela, tamén coñecida como lago Bión, ocupaba parte dos municipios de Xinzo de Limia, Sarreaus, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Sandiás, estendéndose a súa cola por Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e Porqueira. Este humidal tiña unha extensión e unha profundidade variables. Ocupaba no inverno 8.000 hectáreas, e tiña 7 km. de longo por 6 de anchura. A súa profundidade oscilaba desde a máis baixa, é dicir, 0,60 metros, ata os 3 metros nos pozos.
Era o centro dun ecosistema rico en fauna, flora, historia, antropoloxía, toponimia, paisaxe e tradicións.
Desgraciadamente, xa vedes cal que é a historia actual dun dos humidais máis importante en biodiversidade e estensión de toda España.
Lamentablemente, en Galicia o 2 de febreiro, non é un día para ledicia nin para celebracións pois, tristemente lonxe de mellorar a situación dos nosos humidais, seguen a degradarse cada día ante a pasividade das administracións (concellos, deputacións, Xunta) e a indiferencia de demasiados cidadáns.
Pero non só está a Lagoa de Antela, tamén temos humidais deteriorándose por recheos, dragados reiterados, parques eólicos, verquidos industriais, mineiros, urbanos ou agro-gandeiros, sobre-explotación de recursos, introducción de especies exóticas e un longo etc., coma o Complexo Umia-Grove, Ortigueira, Gándaras de Budiño, brañas de Sada, canais na chaira Limiá, ríos Sar e Valga, Gándaras de Budiño, Complexo húmido da Terra Chá, Cospeito, Cecebre, Corrubedo, e outro humidais da nosa terra.
Por iso dende Sustinea propoñémosvos este mes para comprometernos na defensa activa do noso patrimonio natural.
«Só falta que alguén con capacidade de liderazgo e aglutinación de vontades lance o proceso que devolva a Galicia e aos galegos, aínda que sexa en parte, os valores e funcións que se perderon cando se desecou a lagoa de Antela» Delmar Blasco (Secretario Xeral da Convención de Ramsar entre 1994 e 2001).
Engadir un novo comentario